¿Fai falta, en realidade, alonxarnos do presente para comprender o pasado?

domingo, 25 de diciembre de 2011

Lembranzas do rei suevo Hermerico

A estancia estaba anegada de cores vermellos e granates. As súas paredes estaban engalanadas con enormes lenzos que representaban escenas de caza. E delas colgaban tamén, coma trofeos, numerosas cabezas de todo tipo de animais que semellaban estar aínda con vida unidos a aquel novo corpo que formaban as paredes do salón. As distintas peles de animais que facían as veces de alfombra apenas si deixaban ver a madeira de carballo da que estaba feita o chan. E nese gran salón tan só había un moble. Un enorme trono de pedra cun respaldo no que refulxían pedras preciosas perfilando as siluetas de sete espadas que parecían ir cravarse ao chan.

Estaba todo escuro. Pouco a pouco, foi quen de percibir as borrosas formas que se amontoaban en torno a el. E cando finalmente quedou todo lúcido afogou un grito que pareceu resoar moito máis alá da súa gorxa. Que era aquela estancia? Ó principio pareceulle que o silencio que reinaba nela era impertérrito. Tiña a sensación de que podía incluso escoitar os latexos do seu corazón oprimindo o seu peito acompañados tan só polos bufidos da súa respiración axitada. Pero pronto deu na conta de que estaba totalmente equivocado. Os latexos non eran seus; parecían provir das paredes. E a respiración... non era unha senón dúas. Ou tres... Agarda un intre... Non! Eran ducias e parecían vir daquelas cabezas que colgaban das paredes coma macabros trofeos dun cazador demente. De súpeto os seus ollos puxéronse coma pratos. Que era entón o que oprimía o seu peito?

Buscou unha porta, unha saída a aquela loucura. Pero non atopou nada naquelas paredes que non foran as cabezas que agora parecían ter unha expresión de rabia e os cadros que semellaban ter vida propia na profundidade das súas cores. Que demo era aquela pesadelo no que se atopaba inmerso? Dende logo non podía soportalo máis...

Xirou sobre si mesmo varias veces. Non podía dar crédito ao que agora vían os seus ollos. Estaba pasando de verdade ou os seus nervios estaban xogando con el coma se fose unha marioneta nas mans dun desapiadado comediante? As paredes estaban encolléndose e os animais abrían as súas fauces agardando o momento de chegar onda el para poder devoralo. As peles que recubrían o chan facíanse máis pequenas e, sen embargo, o suntuoso trono de pedra permanecía co seu tamaño orixinal. Sen pensalo dúas veces foi sentarse onda el.
E mentres permanecía alí sentando, cos pés subidos ó trono e vendo como aquelas fauces achegábanse cada vez máis, anhelaba coma nunca fixera antes que fose aquela pétrea cadeira quen de salvalo daquela loucura que o atrapara como unha xigantesca onda ó engulir un barco á deriva cara a negrura das súas profundidades.


-Esperta meu rei!
O rei Hermerico abriu os ollos e viu ó máis fiel dos seus guerreiros asomado entre as teas da tenda.
-Os vándalos achéganse polo leste, cara os Montes Narvasos.
Hermerico quedouse case dez segundos coa mirada perdida nalgún punto da súa dependencia de lona.
-Meu rei?
Nese intre Hermerico ergueuse.
-Da ordes. Que todos estean listos para a batalla. Quero balerio este campamento en quince minutos.
O guerreiro abandonou a tenda do rei. Hermerico saíu ó exterior. Os primeiros raios de sol acariciaron maternais o seu rostro. O rei dos suevos deixou arrolar a súa mirada polo campamento.
Tiña algo claro. Se non morría ese día ía haber moitas almas ás súas costas desexando levalo con elas. E pode que, co paso tempo, fora quen de borrar as imaxes da batalla da súa mente. Pero hai algo que nunca sería capaz de esquecer.

As cabezas dos animais colgando das paredes vermellas daquel salón, as súas respiracións axitadas e feroces e os seus latexos, fundidos nun só, resoando nas paredes daquel salón de caza.